Friday 17 de May de 2024

O Concello convoca o concurso de fotografías para o Calendario Municipal 2023


O prazo para presentar imaxes estará aberto ata o 2 de novembro

O Concello da Coruña promove un ano máis o concurso fotográfico para escoller as trece imaxes que formarán parte do Calendario Municipal 2023.

O obxectivo desta iniciativa é facer partícipe a cidadanía, tanto residentes na cidade como persoas visitantes durante o último ano, desta tradicional publicación.

Este concurso é de participación aberta e as fotografías achegadas deben ser tomadas no termo municipal da Coruña. Nas imaxes destacará o patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico da cidade. Terase en conta a calidade técnica e a orixinalidade da imaxe. Cada participante poderá enviar ata un máximo de tres fotografías horizontais e en cor.

O prazo de presentación das imaxes ábrese este mércores 12 de outubro e rematará o 2 de novembro de 2022. As fotografías gañadoras serán publicadas no calendario municipal coa firma de cada un dos seus autores ou autoras. Seleccionaranse 12 imaxes para cada un dos meses do ano e outra máis para a portada do calendario. Ademais, seleccionaranse outras 12 imaxes históricas do arquivo para completar a publicación. Haberá seis fotografías que formarán parte da lista de reserva.

O xurado estará encabezado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey. Tamén formarán parte del tres membros do colectivo de fotoxornalistas da cidade e un deles será escollido como presidente ou presidenta. Completarano tres concelleiros/as do Concello. As persoas gañadoras recibirán un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses para dúas persoas.